Tuesday 21 de May de 2024

Efectivos da Policía Local e GAEM de Ribeira participan nun simulacro de uso de drons para unha emerxencia na praia de Coroso


Logo de ter superado os pasados días as probas teóricas e prácticas no manexo de drons, os oito traballadores locais que se van encargar de utilizar estes artiluxios en diferentes labores do Concello veñen de dar un paso máis na súa formación a través da súa participación nun simulacro de emerxencias
efectuado esta tarde na praia de Coroso.
Así, cinco efectivos do Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal (GAEM) e tres axentes da Policía Local levaron a cabo esta xornada práctica (mañá haberá outra) da man da empresa Aerocamaras, a mesma entidade que vai proveer ao Concello de dous drons para múltiples funcións: dende controlar que non se produzan aglomeracións nas praias ata empregalo en rescates acuáticos, busca de persoas
desaparecidas, localización de niños de velutinas ou detección de focos de lumes forestais, entre outras.
Rescate en altura

O de hoxe foi un simulacro dun rescate dunha persoa en altura (simulando que está atrapada nunha roca) mentres que mañá está previsto realizar un rescate acuático e a busca dunha persoa desaparecida.
Unha vez cumprimentado este apartado formativo, espérase que nos vindeiros días os dous drons mercados polo Concello xa poidan estar operativos.